Un de cada tres traballadores/as galegos/as xa cobra menos do salario mínimo interprofesional

Un informe elaborado pola CIG con cifras da Axencia Tributaria amosa o medre da desigualdade en Galiza, onde o 15% da poboación ingresa máis que o 85% restante Traballadoras...

Un informe elaborado pola CIG con cifras da Axencia Tributaria amosa o medre da desigualdade en Galiza, onde o 15% da poboación ingresa máis que o 85% restante


Traballadoras galegas da industria conserveira

A CIG presentou hoxe un informe sobre a evolución salarial en Galiza no que se constata a consolidación dunha tendencia que vai camiño de converterse en estrutural: a existencia dun número cada vez maior de traballadores/as que ingresan menos do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Segundo datos facilitados pola propia Axencia Tributaria española, un de cada tres asalariados/as atópase nesta situación no nos país, onde o 15% da poboación xa ingresa máis que o 85% restante.

 Informe  en PDF >>http://www.galizacig.gal/avantar/files/documentos/InformeSalariosGaliza.pdf

O informe, elaborado a partir de datos da Axencia Tributaria española e no que se analiza a evolución salarial entre os anos 2009 e 2014, foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, e pola autora do traballo e técnica do gabinete de Economía da central, Natividad López Gromaz.

Alcántara comezou a súa intervención salientando que as cifras recollidas no informe amosan o aumento dos tramos de soldo que se atopan por debaixo do salario mínimo, isto é, dos 648,60 euros brutos ao mes. No noso país xa son máis de 300.000 os traballadores/as que ingresan menos desta cantidade, o que representa un 30% do total de asalariados/as. Ademais, os salarios dos tramos que ingresan menos do SMI non fixeron máis que baixar neste período.

Outra das cuestións sobre as que fixo fincapé o responsábel sindical ten que ver coa caída dos salarios, sobre todo nos tramos máis baixos, o que na está a supoñer un incremento do número de traballadores/as pobres. “A existencia de pobreza entre a xente que traballa é algo que xa ninguén discute”, denunciou. De feito, os datos amosan que o 18% dos empregados/as (máis de 177.000 persoas) cobrou en 2014 menos da metade do salario interprofesional, o que supón menos de 200 euros brutos mensuais. En 2009 esta cifra representaba o 14,5%.

Na súa opinión estes/as traballadores/as non poden incluírse entre os activos/as, polo que as cifras de paro reais son máis elevadas das que adoita ofrecer o Goberno central. “Todo isto é consecuencia das reformas laborais de 2010 e 2012, xa que foi a partir de entón cando a baixada dos salarios se acentuou”. Así, lembrou que as modificacións introducidas na lexislación permiten que as empresas se poidan descolgar dos convenios para empeorar as condicións laborais, “para o que contan coa complicidade de CCOO e UGT”.

Ademais, entende que estas reformas provocaron un incremento da contratación a tempo parcial, o que tamén está a agudizar as diferencias entre a propia clase traballadora. “O PP é responsábel directo desta situación, xa que apostou por devaluar os salarios para saír da crise económica”, asegurou.

Diferenza entre as rendas do traballo e as do capital

Pola súa banda, Gromaz cifrou a caída salarial en Galiza nun 2,7% de media e incidiu no incremento das diferenzas entre a clase traballadora, xa que os soldos só medraron nos tramos máis baixos e nos máis altos. “En 2009 un traballador/a do tramo máis alto ingresaba 65 veces máis que un do máis baixo, mentres que en 2014 os seus ingresos son 75 veces máis”, detallou.

En canto ás diferenzas entre as rendas do traballo e as do capital, a técnica do gabinete de Economía da CIG explicou que os datos amosan un forte debilitamento do mundo do traballo debido ao descenso dos salarios da maioría da poboación activa. En 2009 as rendas do traballo representaban o 48% das totais, mentres que en 2014 foron do 44,6%. Pola contra as rendas do capital non pararon de medrar, pasando do 43,6% en 2009 ao 45,5% en 2014.

O informe recolle outros aspectos como a evolución salarial no conxunto do Estado (a excepción do País Vasco e Nafarroa, que contan cun réxime fiscal especial), constatándose que unicamente os traballadores/as da comunidade de Madrid manteñen os seus salarios con respecto a 2009, ademais de ser os que perciben uns ingresos maiores. En 2004 acadaron o 133,5% do salario medio, mentres que en 2009 foi do 128,8% No resto dos territorios produciuse un descenso dos soldos.

Outra das cuestións nas que se fai fincapé é na situación laboral da mocidade, xa que foi entre as persoas menores de 35 anos onde se perderon os empregos, incrementándose o número de asalariados/as a partir desa idade. “Onde máis postos de traballo se destruíron foi no tramo dos 26 aos 35 anos: un 69,3% do total de empregos perdidos neste período”. O seu nivel de ingresos tamén baixou, especialmente entre o colectivo de 18 a 25 anos, cuxos salarios son un 27,8% inferiores de media con respecto a 2009.