Persoal de cociña dos hospitais de vigo denuncia que o proceso de quentamento dos pratos deteriora a comida

O comité de Serunion, a empresa concesionaria, sostén que os problemas cos alimentos son provocados polo sistema que aplica o Sergas comida servida en pediatria do cunqueiro O comité...

O comité de Serunion, a empresa concesionaria, sostén que os problemas cos alimentos son provocados polo sistema que aplica o Sergas


comida servida en pediatria do cunqueiro

O comité de empresa de Serunion, concesionaria do servizo de cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), vén de denunciar que os problemas detectados coa comida, que motivou queixas de usuarios/as e pacientes do novo hospital da cidade, débense ao sistema que aplica o Sergas. O persoal sostén que o proceso de quentamento dos pratos provoca en moitas ocasións o deterioro dos alimentos e da súa presentación.

As traballadoras/as das cociñas dos hospitais Meixoeiro, Nicolás Peña e Álvaro Cunqueiro quixeron saír ao paso das queixas pola mala calidade da comida para lembrar que “o noso traballo de elaboración, cocción e fabricación dos alimentos é impecable, igual que se facía anteriormente nos hospitais Xeral, Nicolás Peña e Meixoeiro, sendo os materiais utilizados de primeira calidade e a súa elaboración excelente”.

Sosteñen que o problema é o cambio de sistema que aplica o Sergas, polo que durante o proceso de quentamento dos pratos “prodúcese en moitas ocasións o deterioro da comida e da súa presentación”.

Polo tanto, consideran que a profesionalidade das traballadoras/es do servizo de cociña da área sanitaria viguesa está fóra de toda dúbida.