O Sector Lacteo segue en loita e muda de Estratexia

A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO INICIA HOXE UN BLOQUEO Á CENTRAL LOXÍSTICA DE GADISA Para dar continuidade ás mobilizacións coordinadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo,...
A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO INICIA HOXE UN BLOQUEO Á CENTRAL LOXÍSTICA DE GADISA
Para dar continuidade ás mobilizacións coordinadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, e tras cinco días de bloqueo á totalidade das industrias leiteiras galegas, agora poñemos o foco de atención nas distribuidoras e, en concreto, en Gadisa, empresa que distribúe alimentos a través de supermercados como Gadis, Claudio ou Cash Ifa. En concreto, tractores de varias comarcas dirixiranse hoxe, 17 de setembro, cara a Betanzos para bloquear a central loxística de Gadisa.

A PLATAFORMA EN DEFENSA DO SECTOR LÁCTEO DECIDE CONCENTRAR AS MOBILIZACIÓNS NAQUELAS INDUSTRIAS E DISTRIBUIDORAS QUE SE NEGAN A ACEPTAR OS ACORDOS
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo vén de anunciar o remate do bloqueo ás industrias lácteas tras cinco días de presión continuada sobre a totalidade das empresas que mercan e procesan leite na Galiza. A pesares do que están a dicir os medios de comunicación, non se trata do remate das mobilizacións, pois no seo da Plataforma decidimos centrar as protestas naquelas industrias e distribuidoras que se negan a chegar a ningún tipo de acordo.
Manter o bloqueo ás industrias é unha medida que implica un alto custo para a xente gandeira. Diante da presión das multas e da chegada dun gran número de antidisturbios ás inmediacións das empresas bloqueadas, valorouse a imposibilidade de manter este mesmo formato de mobilización, pois até o 23 de setembro non se prevé que haxa un texto definitivo para o acordo do sector lácteo. Sen ir máis lonxe, esta presión que denunciamos sobre as mobilizacións do sector lácteo traduciuse hoxe no atropelo dunha persoa por un camión de Reny Picot en Asturias, feito que condenamos sen paliativos dende o Sindicato Labrego Galego.
Por estes motivos, decidimos reconducir as mobilizacións levantando o bloqueo sobre as industrias e focalizándoo, a partir de mañá mesmo, nas empresas máis reticentes a asinar calquera tipo de acordo. Polo tanto, as mobilizacións seguen coa vista posta no 23 de setembro, data na que o Ministerio de Agricultura decidirá se acepta introducir as nosas emendas no texto final do acordo para o sector lácteo. Esas emendas son as seguintes:
1. Retirada inmediata dos contratos á baixa.
2. Clarificación dos índices que definan o “prezo sostible” que aparece no documento inicial.
3. Elaboración e aprobación dun decreto de garantías que faga o acordo de obrigado cumprimento para non confialo á boa vontade das partes.
4. Entrada en vigor dos acordos o 1 de outubro.
Dende a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, e nós como Sindicato Labrego Galego, velaremos pola inclusión definitiva destas emendas no texto final dos acordos, do mesmo xeito que ficaremos vixiantes para que a totalidade de industrias e distribuidoras o asinen.

RELACIONADAS