O sector lácteo comeza na Coruña a campaña de boicot as distribuidoras “incumpridoras”

Gandeiros/as e tractores rodean o hipermercado Carrefour en demanda dun incremento do prezo do leite ás explotacións A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo comezou este xoves unha segunda...

Gandeiros/as e tractores rodean o hipermercado Carrefour en demanda dun incremento do prezo do leite ás explotacións


A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo comezou este xoves unha segunda quenda de mobilizacións contra o incumprimento do acordo asinado en Madrid por parte das distribuidoras, con bloqueos e manifestacións nos centros comerciais. As protestas iniciáronse no Carrefour da Coruña, onde os/as gandeiros/as teñen intención de manter os seus tractores de xeito indefinido.



Dende a Plataforma denuncian que a distribución está practicando un dobre engano: ao consumidor e ao gandeiro. E isto é así, explican, porque a pesar do acordo acadado o pasado 23 de outubro, polo que as distribuidoras se  comprometían a incrementar o prezo ao consumo e repercutilo no resto da cadea, “a día de hoxe os produtores non recibiron un só céntimo, pero ao consumidor si se lle subiu o prezo”.


En concreto, no caso de Carrefour afirman que subiu en seis céntimos o prezo do cartón de leito, polo que lle demandan “un compromiso por escrito” de que ese incremento ao consumidor tamén chegará ao produtor. Até non ter eses compromiso, adiantaron, manterán a protesta de xeito indefinido diante do hipermercado.


Xunto a isto, o colectivo denuncia que as industrias manteñen as mesmas “ruinosas” condicións nos contratos polo que, a situación dos/as produtores/as “é peor que hai dous meses, ao seguir acumulando perdas”. Neste senso, lembraron que neste tempo non só non se cumpriron os termos do acordo, senón que Galiza segue a estar discriminada con respecto ao prezo que se paga polo leite no resto do Estado.



Por iso, dende a Plataforma apúntase a responsabilidade do Ministerio de Agricultura e da Xunta como garantes do cumprimento do acordo asinado.  “Nestes momentos non se cumpriu nin un só punto do mesmo. As administracións non poden seguir a mirar para outro lado, teñen que tomar medidas para que de xeito inmediato se incremente o prezo do leite ás explotacións”.

“Segue en perigo a continuidade do sector lácteo e  dos postos de traballo. Por iso, imos facer un boicot á distribución mentres non recibamos compromisos firmes”, aseveraron. E será nas asembleas de gandeiros/as feitas no lugar onde se vaian acordando que accións desenvolver nas próximas horas.


Porén, advertiron que as mobilizacións terán carácter indefinido e que serán obxectivo das mesmas os non asinantes do acordo de Madrid e “os que, a pesar de asinar, manteñen unha actitude contraria a dito acordo”.


Este novo calendario de protestas convócase despois da semana de campaña de información ao/á consumidor/a.