O Plan Solidario de Axuda Alimentaria da CIG-Vigo logra recoller máis de 1300 quilos nestas datas

– A iniciativa contribúe ás necesidades mensuais básicas de 40 familias da comarca Os voluntarios e voluntarias do Plan Solidario de Axuda Alimentaria da CIG en Vigo redobran esforzos...

– A iniciativa contribúe ás necesidades mensuais básicas de 40 familias da comarca

Os voluntarios e voluntarias do Plan Solidario de Axuda Alimentaria da CIG en Vigo redobran esforzos estes días para empaquetar e distribuír nas vindeiras datas os 1326 quilos de bens de primeira necesidade recollidos para as 40 familias beneficiadas. A iniciativa, posta en andamento dous anos atrás, parte da solidariedade de clase, fuxindo de orientacións asistencialistas ou caritativas.

O Plan Solidario de Axuda Alimentaria da CIG xurdiu nun momento de especial virulencia da crise sistémica, que estaba a deixar un bo número de traballadores/as en situacións de gran vulnerabilidade. Nunha comarca como a de Vigo, onde o desemprego acada cifras preocupantes, agudizando a febleza de moitos núcleos de convivencia ao finalizaren o cobro de prestacións, a central considerou de vital importancia xerar mecanismos de axuda mutua.


A orientación deste plan é a solidariedade exercida por e entre traballadores/as, distanciándose tanto da concepción relixiosa da caridade como do mero asistencialismo exercidos de forma paternalista e vertical.


No caso de Vigo, esta iniciativa vén paliando dende 2013 as necesidades básicas dunha media de 45 familias ao mes con produtos de primeira necesidade, fundamentalmente non perecedoiros. Para isto, a CIG conta cuns baremos obxectivos en función da situación de cada familia, organizando a recollida e distribución mediante un grupo de militantes da central que se ocupan do bo funcionamento do plano.


O financiamento do operativo vén dado pola afiliación que de forma voluntaria incrementa as súas cotas sindicais en 10 euros semestrais, alén das doazóns de alimentos e bens que se realizan no propio local da CIG-Vigo de xeito permanente.


Campaña especial durante as festas


Para estas datas festivas a executiva comarcal da central realizou un chamado a incrementar as doazóns perante as maiores necesidades das e dos receptores, logrando atinxir máis de 1300 quilos.


Entre as doazóns colectivas destacan as realizadas polos comités de empresa de Frigolouro e Althenia, que se suman ás aportadas por outros como GKN e Ganomagoga en meses previos.


Dende a dirección da CIG en Vigo agradécese o esforzo realizado polos militantes tanto nas doazóns como nas tarefas operativas do plano solidario e realízase un chamado á afiliación para continuar a soster economicamente a iniciativa.

RELACIONADAS