O persoal da limpeza de Citroën mobilízase contra os incumprimentos da empresa

Traballadores/as de Clece desenvolveron unha concentración ás portas da factoría viguesa.O cadro de persoal de Clece, contrata da limpeza e mantemento das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo,...


Traballadores/as de Clece desenvolveron unha concentración ás portas da factoría viguesa.
O cadro de persoal de Clece, contrata da limpeza e mantemento das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, desenvolveu hoxe unha concentración ás portas da fábrica de automoción para denunciar os incumprimentos da empresa en materia laboral. Con esta nova protesta, que se prolongou durante hora e media, os empregados/as tamén queren reclamar o mantemento de todos os postos de traballo.

2017-03-15 ProtestaLimpezaCitroenIncumprimentosClece03.JPG
A mobilización, convocada polo comité de empresa (8 delegados/as da CGT, 3 da CIG e 2 da UGT), desenvolveuse na entrada principal de Citroën de 13.00 a 14.30 horas. Boa parte dos arredor de 250 traballadores/as de Clece participaron nunha ruidosa protesta que incluíu o despregamento de varias faixas e o reparto de follas informativas entre o persoal da empresa de automoción.
Nelas explícase que dende que a compañía pertencente ao grupo ACS -propiedade de Florentino Pérez- se fixo cargo da adxudicación do servizo o 1 de febreiro de 2014 grazas ao enorme recorte orzamentario ofertado “vén practicando actuacións represivas contra os dereitos dos traballadores/as, destruíndo emprego estábel (máis de 150 empregos indefinidos e eventuais), incumprindo os pactos acadados coa representación do persoal e rebaixando a calidade do servizo”.
2017-03-15 ProtestaLimpezaCitroenIncumprimentosClece02.JPG
2017-03-15 ProtestaLimpezaCitroenIncumprimentosClece14.JPG

Sancións da Inspección de Traballo

Ademais, denuncian que a empresa tamén fai reparticións de tarefas “inasumíbeis” e flexibiliza os horarios dos empregados/as, “que tiveron que trasladar as súas xornadas á fin de semana”. E todo isto a pesar dos requerimentos e as sancións da Inspección de Traballo.
Dende a representación do cadro de persoal lembran que tanto a actual lexislación como a situación contractual dos traballadores/as -en cuxos contratos figuran as instalacións de Citroën como centro de traballo- obriga ás empresas adxudicatarias do servizo a subrogar á totalidade dos empregados/as con todos os dereitos e obrigas contractuais “sen que o cambio supoña merma nos salarios e nos dereitos”.

RELACIONADAS