O Parlamento aproba por unanimidade, a ILP da CIG a prol dunha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética

Fernando Branco, encargado de defendela, agradeceu o voto a favor dos grupos e anunciou que a CIG vixiará que se preserve o seu contido no tramite parlamentario Votación no...

Fernando Branco, encargado de defendela, agradeceu o voto a favor dos grupos e anunciou que a CIG vixiará que se preserve o seu contido no tramite parlamentario

Votación no parlamento

Todos os grupos parlamentarios aprobaron, este martes, por unanimidade, a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética promovida pola CIG. Un apoio que agradeceu o representante da central sindical encargado de defendela, Fernando Branco, quen, en todo caso, asegurou que a CIG vixiará o trámite parlamentario que seguirá a Iniciativa, para garantir que o seu contido se manteña.


Na defensa da ILP, Branco lembrou a especialización de Galiza en produción eléctrica ao longo destes anos. Unha especialización que a converteu en produtora neta excedentaria ate o punto de exportar, segundo a última referencia, o 40% do que produce. Porén, denunciou, “non obtemos ningún beneficio a cambio”.

Centrou, entre os obxectivos fundamentais desta ILP, conseguir unha tarifa eléctrica galega e que se poñan en marcha medidas específicas para combater a pobreza enerxética.

Tarifa eléctrica galega

Para xustificar unha tarifa eléctrica galega lembrou que dentro das tarifas hai dous conceptos: un a propia poxa eléctrica diaria (pull eléctrico) e outro, que supón case o 50% da factura, que son as peaxes eléctricas, fixadas polo goberno do Estado que definiu como “a parte puramente política das tarifas” e que supera os 25.000 millóns de euros, aproximadamente nun ano normal.

A CIG ás portas do parlamento

Explicou que nesas peaxes hai conceptos de solidariedade interterritorial que pagamos entre todos/as, como é o caso do transporte de enerxía a outras comunidades que non producen apenas, como a de Madrid, que produce menos que algún pobo rural galego; o de solidariedade extrapeninsular, que é o sobrecusto de producir electricidade e distribuír a territorios como Baleares, Canarias, Ceuta ou Melilla e que ascende a 1.800 millóns de euros nun ano normal; a prima que se paga para que se poida queimar o carbón español, que é duns 500 millóns de euros ao ano ou axudas a determinadas tecnoloxías, como os ciclos combinados, que supoñen outros 500 millóns de euros.

Xunto a isto sinalou que “fomos solidarios –aínda que rematou o ano pasado- coa moratoria nuclear. Cinco grupos nucleares que non chegaron a facerse no estado español pero que se estiveron pagando varios anos, cando algún deles non chegou a ser máis que un movemento de terras”. Unha solidariedade pola que pagamos durante varios anos 5.700 millóns de euros.

Diante deste escenario, que definiu como “hipersolidario”, Fernando Branco cuestionou que Galiza non poida obter ningún beneficio, malia os custos sociais, económicos e medio ambientais que a produción eléctrica comporta á nosa nación. “Nós demandamos que nas peaxes, igual que se é solidario con moitos territorios e tecnoloxías, haxa unha bonificación na tarifa con quen produce e exporta”. Bonificación que cifrou nun 30%.

Para xustificalo puxo como exemplo, entre outros, o pacto ao que chegou o PP con Euskadi, hai dous anos, cando se aprobou a Lei Eléctrica, que permitiu crear unha tarifa industrial que non existía, por unha cuestión técnica dunhas liñas de distribución concretas e que deu nunha tarifa vasca que “andará polo 50 millóns de euros ano” que, especificou, “tamén pagamos o resto”.

Pobreza enerxética

A este respecto sinalou que na ILP a CIG o que fai é definir a pobreza enerxética, tal e como fai a lexislación inglesa e recentemente a catalá, e que sería “a que padece aquela unidade familiar que ten que destinar máis do 10% dos seus ingresos as facturas de luz e de gas e que non consegue manter a vivenda entre temperaturas de 18 e 21 graos, porque por debaixo desas temperaturas entramos xa nun problema sanitario”.

Explicou que a CIG defende que o acceso á enerxía eléctrica sexa un dereito social e que a administración pública ten que pagarlle eses gastos enerxéticos a quen estea nesa situación. Considerou os bonos recentemente aprobados pola Xunta como “unha esmola” de carácter temporal e asegurou que “non podemos ter xente vivindo sen luz na casa ou que, aínda que a teña, non poda acender nin unha estufa”.

Canda estas cuestións manifestou que a CIG tamén defende a presenza pública da Xunta no sector enerxético; que se potencien as renovábeis; o autoconsumo, que agora mesmo está penalizado; o aforro enerxético e a inclusión de Galiza no Plan Estatal do Carbón.


Tarifa eléctrica industrial

Xunto a isto defendeu a necesidade de termos unha tarifa eléctrica industrial para grandes consumidoras como Alcoa, Ferroatlántica, Megasa ou Celsa Atlantic, que dependen do sistema de poxa anual, que considerou “un disparate”, porque son industrias de alto consumo e non poden estar pendentes todos os anos dunha poxa que poña en cuestión o futuro de cada empresa.

O voto a favor de todos os grupos da cámara, que foron manifestando un tras outro o seu apoio á ILP promovida pola CIG, levará agora o texto a un trámite parlamentario no que podería sufrir modificacións. Por iso Branco, tras agradecer aos grupos parlamentarios ese apoio, subliñou que a central sindical fará un seguimento do seu percorrido na Cámara, para tratar de garantir que se recollan as propostas contempladas e que a central sindical considera esenciais para garantir efectivamente a enerxía como servizo público e combater a pobreza enerxética.

RELACIONADAS