O galego de rajoy na TVE: de “la Toja” a “Sangenjo” e pasando por “la Coruña”

O presidente do goberno español nomea ‘Sangenjo’, ‘La Toja’ e ‘La Coruña’ durante a súa presenza no programa de Bertín Osborne ‘En la tuya o en la mía’. Tamén...

O presidente do goberno español nomea ‘Sangenjo’, ‘La Toja’ e ‘La Coruña’ durante a súa presenza no programa de Bertín Osborne ‘En la tuya o en la mía’. Tamén aclarou que un galego “normalmente, é un tipo de fiar”.

Rajoy con Bertin Osborne en prime time

Non é a primeira vez que o presidente do goberno español deturpa os topónimos do seu territorio de orixe, mais desta vez fíxoo en ‘prime time’ de TVE durante a súa participación no programa ‘En la tuya o en la mía’, de Betín Osborne. Mariano Rajoy falou de ‘Sangenjo’ no canto de Sanxenxo, de ‘La Toja’ por A Toxa e de ‘La Coruña’ por A Coruña. A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983) establece no seu artigo 10 que en Galiza os topónimos terán como única forma oficial a galega. Algo que non semella importarlle ao presidente do Estado español, que volveu facer algunhas das súas deturpacións favoritas: a de ‘Sangenjo’, que é máis que recorrente nel.

Durante o programa Bertín Osborne tivo tempo de falar dos tópicos sobre os galegos, e preguntado Rajoy por como definiría os seus paisanos, este respondeu que o galego “normalmente, é un tipo de fiar”. Houbo tempo para parolar de Aznar, Esperanza Aguirre ou da familia e da súa afección polo deporte. Tamén de Paco Vázquez, do que dixo que se non se chega a ir “nunca gañariamos (polo PP) a alcaldía da Coruña”.

Foi unha entrevista de ‘luva branca’, como sinalan comentarias e analistas, feita a maior gloria do presidente do goberno español. 




Sermos: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/rajoy-deturpa-toponimos-galegos-prime-time-tve/20151203092843042931.html