Máis de 60 falecidos en accidentes laborais en Galiza no 2015

Nos 11 primeiros meses do exercicio houbo máis de 22.000 accidentes de carácter leve e por riba de 330 graves. Entre xaneiro e novembro morreron sesenta traballadores. Acumulamos xa...

Nos 11 primeiros meses do exercicio houbo máis de 22.000 accidentes de carácter leve e por riba de 330 graves. Entre xaneiro e novembro morreron sesenta traballadores. Acumulamos xa catro anos consecutivos de aumento en accidentes laborais con resultado de morte.


A sinistralidade laboral bateu récords en Galiza en 2015. Aínda sen fechar o balanzo do ano -a falta dos dados de decembro- as cifras xa mostran que os traballadores e traballadoras falecidos o exercicio pasado no noso país en accidentes laborais é o máis elevado dos últimos anos. Entre xaneiro e novembro (ambos inclusive), faleceron en Galiza 60 persoas por sinistralidade laboral. En todo o 2014 (doce meses, de xaneiro a decembro), a cifra de traballadores mortos foi de 59. En 2013 foron 47 e en 2012, 45. Así pois, Galiza acumula catro anos consecutivos de aumento nas cifras de mortalidade por sinistralidade no traballo.

Das 60 persoas que entre xaneiro e novembro morreron por accidentes laborais en Galiza, 25 traballaban no sector servizos, o que máis accidentes mortais rexistrou en 2015. A seguir, e segundo os dados do Instituto galego de seguridade e saúde laboral, figura industria (13 operarios mortos) e construción, con 11. Na pesca faleceron durante eses 11 meses 8 mariñeiros e no sector agrícola, 3 traballadores.

No que atinxe a accidentes leves e graves, na primeiro destas categorías rexistráronse neses 11 meses un total de 22.065 accidentes. Unha media de 66 cada día; case tres por cada hora do día. Aconteceron, de xaneiro a novembro, 335 sinistros graves, o que supón a un por día.

Máis que estatísticas

De 2010 a 2104, morreron no noso país 268 traballadores, unha media de un por semana. Aliás, o número de accidentes de carácter grave foi de 2.403, o que supón dez por semana, máis dun por día.

Os recortes e a austeridade dos gobernos coa desculpa da crise non axudan precisamente a reverter a situación. Mais os accidentes laborais non son exclusivos da época de crise. Tamén cando Galiza e Europa vivía ‘en auxe’ había sinistralidade. Mais coa crise, como denuncian os sindicatos, conflúen dous escenarios: o anteriormente mencionado de recortes en políticas e programas de prevención, por un lado. Xa a finais de 2012 CIG, CCOO e UGT puñan o acento nos recortes nas partidas de prevención ou mesmo a mingua de autonomía e competencias de organismos adicados a traballar neste eido. Estes recortes provocaron, só na Galiza e en 2011, unha mingua de sete millóns de euros para loitar contra os accidentes no traballo

E, por outro lado, a suma de precariedade e temporalidade que vai da man da crise. “As condicións de traballo deixan de importar por mor da necesidade de ter traballo. O que importa é traballar, como sexa e onde sexa”. 

RELACIONADAS