Greve en Frigolouro (Grupo Coren) onde traballan máis de 200 “falsos autónomos”

Máis do 80% do persoal autónomo dependente da empresa Frigolouro do Porriño (do grupo ourensán Coren) secundou a primeira xornada de folga convocada pola CIG para reclamar melloras nas...

Máis do 80% do persoal autónomo dependente da empresa Frigolouro do Porriño (do grupo ourensán Coren) secundou a primeira xornada de folga convocada pola CIG para reclamar melloras nas súas condicións laborais.

Traballadoras nas imediacións da planta

 O paro indefinido iniciado hoxe polos falsos autónomos/as pertencentes á subcontrata Servicarne afectou a produción da compañía cárnica con sede no Porriño.

O cadro de persoal da empresa catalá Servicarne, que realiza labores para Frigolouro, está formado case na súa totalidade por traballadores/as autónomos/as (216 de 224) que padecen unhas condicións laborais penosas. Ao cada vez maior ritmo de produción (cun incremento considerábel da velocidade das cadeas) hai que sumar a ausencia de horarios laborais e salarios fixos. “O tempo de traballo varía moito, hai flexibilidade total, entramos ás seis da mañá pero uns días saes ás tres da tarde e outros ás once ou á unha”, explica unha das empregadas.

Frigoluro Porriño

Os traballadores/as están obrigados/as a acudir á empresa durante as fins de semana e incluso os domingos e os festivos, sen que esta dispoñibilidade se vexa reflexada nos seus ingresos. “Cobramos entre 600 e 900 euros, pero con estes cartos temos que pagar a cuota de autónomo/a e as sancións económicas que impón a empresa por case calquera cousa, e que nalgún case chegaron aos 600 euros”, denuncia a traballadora.

Diante disto, o persoal autónomo dependente de Servicarne decidiu convocar unha folga indefinida, que nesta primeira xornada foi secundada por máis do 80% dos traballadores/as, o que afectou a produción de Frigolouro. Dende ben cedo un nutrido grupo de empregados/as concentrouse diante das instalacións da compañía no Porriño, onde foron custodiados/as por un forte despregue de axentes da Garda Civil.

Feijóo e o Ceo de Coren

Dende a federación de Alimentación da CIG adiantaron que están a intentar que a Inspección de Traballo medie no conflito laboral para intentar chegar a un acordo que permita poñer fin á folga.

Entre as principais demandas do persoal autónomo dependente salientan:

-Establecer un horario de traballo de oito horas.
-Salario mínimo fixo, tomando como referencia o convenio de industrias cárnicas.
-Ritmos de traballo semellantes aos que rexían para o persoal de Frigolouro.
-Calendario de vacacións pagadas e disfrutadas.
-Cobrar a media hora de descanso.
-Fixar prezo da hora extra a partir das oito horas de traballo, incluídos sábados, domingos e festivos.
-Fixar a prestación en caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo.
-Licencias retribuídas que figuran no convenio de cárnicas.
-Rotar nos postos para combater a fatiga do traballo e evitar así accidentes e enfermidades laborais.
-Colocación do reloxo de velocidade nun sitio visíbel da sala para comprobar o ritmo de traballo.
-Eliminación das multas económicas por sanción.

RELACIONADAS