Greve de Fame de tres familias a piques de perder a sua vivenda en Vigo

“Tiven que elixir entre pagar os recibos ou dar de comer aos meus fillos” Na Praza do concello de Vigo, Foto: E.Ilkermn Desde a segunda feira (2 de maio)...

“Tiven que elixir entre pagar os recibos ou dar de comer aos meus fillos”

Na Praza do concello de Vigo, Foto: E.Ilkermn


Desde a segunda feira (2 de maio) Mercedes, Isabel e Ricardo manteñen unha folga de fame diante do Concello de Vigo. Sobre estas tres familias pesa cadansúa orde de despexo. Isabel e Ricardo irán a xuízo esta sexta feira (6 de maio), no caso de Mercedes, Merchi como pide que a chamemos, a orde de lanzamento inmobiliario está fixada para o 19 de maio. 

Após iniciaren a greve reuníronse con Isaura Abelairas. “Pedimos 13 citas e non nos atenderon até agora”, explica en conversa telefónica con Sermos Galiza, Merchi. O ofrecemento do goberno local é “pagarlles dous meses de aluguer”, sinala Carla Leiras do colectivo Os Ninguéns. No concreto, “un mes de fianza e un de aluguer”, acrecenta Merchi, mais dunha vivenda que terán que atopar as propias familias. “Ninguén lle vai facer un contrato a unha persoa sen traballo que está a percibir unha Risga”, apunta Merchi. “É o concello o que ten nas súas mans buscar vivenda mais non hai vontade política”, di. 

Aliás, explica Carla Leiras, “cos ingresos que teñen non poden acceder a un aluguer ordinario” senón que “precisan un aluguer social” para o que, segundo o Concello de Vigo, non hai vivenda disponíbel na cidade olívica. O alcalde Vigués, Abel Caballero, insiste en responsabilizar a Xunta de Galiza que é quen di ten as competencias de Vivenda. Porén, o goberno local conta con 15 pisos na Avenida República Arxentina –os restantes da venda da promoción Rosalía de Castro– que continúan baleiros. 
“Son vivendas de luxo”, explica Merchi que, de facto, foron vendidas a prezos de mercado que superaron os 200 mil euros, un futuro que a equipa de goberno municipal agarda para os 15 que lles restan aínda en propiedade e que permanencen baleiros. Para as familias eis a razón de que non se disponibilicen para aluguer social. “Podemos adaptarnos moi ben a eses pisos, non sei se eles poderían vivir con 500 euros e non poder pagar os recibos”, di Merchi. “Tiñan que vivir esta situación”, subliña, porque “nos están a abocar á rúa ou a ocupar unha vivenda”. E é que “en Vigo hai moitísimas vivendas vacías”. 

Sen cheque social

Merchi percibe mensalmente 426 euros dunha axuda familiar por ter menores ao seu cargo. Os seus tres fillos, de 19, 16 e 6 anos viven con ela. “Esgotei o paro” após dous anos sen traballo e leva un sen poder pagar o aluguer. “Tiven que deixar de pagar os recibos ou dar de comer aos meus fillos”, afirma. 
Hai un ano solicitou acceso a unha vivenda social que lle foi concedida mais para á que non hai inmóbeis. “As listaxes non se moven”, asegura. Neste contexto, decidiu xunto con outras dúas familias iniciar unha greve de fame. 

Desde o goberno local aseguran que Merchi e as demais persoas que serán despexadas nas vindeiras semanas perciben axudas sociais desde 2010. Unhas axudas que tildan de “precarias” e insuficientes. De facto, a Merchi denegóuselle o cheque social municipal por estar a percibir unha prestación estatal, procedente do INEM, de 426 euros mensais. Neste senso, ODS-Coia denunciou publicamente en xaneiro de 2016 que o prego de condicións do concello exixía como condición para acceder a estas axudas non percibir outras de carácter público periodicamente. 
O alcalde, afirman, “minte descaradamente” cando dixo que “en Vigo non había despexos” porque o concello os solucionaba en “24 horas”. “Estamos moi cabreados”. 

Polo de agora manterán o seu protesto “até a quinta feira” (5 de maio). Na sexta, Ricardo e Isabel irán a xuízo, porán data á súa expulsión da vivenda na que residen e despois, asegura Merchi, “non sairemos de aquí até que nos den unha solución, téñoo moi claro”. Non marcharán, acrecenta, “nen eu nen os meus compañeiros” porque “é unha desesperación.

RELACIONADAS