Convocan folga indefinida na concesionaria do mantemento das zonas verdes de Vigo pola discriminación do persoal subrogado

O comité denuncia que a nova empresa que presta o servizo négase a equiparar salarialmente os traballadores/as, establecéndose diferenzas de 6000 euros anuais.O comité de Althenia, a nova concesionaria...

O comité denuncia que a nova empresa que presta o servizo négase a equiparar salarialmente os traballadores/as, establecéndose diferenzas de 6000 euros anuais.

O comité de Althenia, a nova concesionaria do servizo municipal de mantemento e conservación das zonas verdes de Vigo, anunciou hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir do luns 28 de setembro ante a discriminación do persoal subrogado. A representación sindical denuncia que a empresa négase a aplicarlle o convenio propio de parques e xardíns aos traballadores/as que antes pertencían ao servizo de parques forestais e ao de xardinaría da zona de Balaídos, rexidos polo convenio estatal.

Os sete delegados/as da CIG no comité de empresa de Althenia compareceron hoxe en rolda de prensa (os dous resetantes, da UGT, optaron por non participar) xunto á secretaria comarcal da CIG-Servizos, Transi Fernández, para explicar os motivos do paro indefinido, entre os que salientaron a discriminación do persoal subrogado e as numerosas deficiencias rexistradas dende que a nova concesionaria se fixo cargo do servizo o pasado 1 de setembro.

A representantes sindical explicou que a compañía négase a aplicarlles o convenio propio de parques e xardíns aos 9 empregados/as que antes estaban adscritos ao servizo de parques forestais e a 1 do de xardinaría da zona de Balaídos, que se rexían polo convenio estatal. Isto supón unha diferenza salarial de 6000 euros anuais, o que na práctica “significa un caso claro de discriminación entre traballadores/as que agora pertencen á mesma concesión unha vez unificadas as tres”.

Fernández indica que esta situación fixo que acudisen á Inspección de Traballo, “que nos deu razón”. Diante disto, o cadro de persoal decidiu por unanimidade en asemblea convocar a folga, o que lle foi comunicado á dirección, “que respostou que non ten nada que dicir”. O Concello limitouse a asegurar que só poden facerlle cumprir á empresa o prego de condicións, “algo que por outra banda tamén incumpre a empresa”.

Isto está a provocar que a prestación do servizo se atope “moi deteriorada”, con seevizos que non se prestan ante a falta de material axeitado. “Os traballadores/as xa están a padecer o resultadode adxudicar un servizo por menos de 18 millóns de euros”. A folga só virá a empeorar a situación xa que, ademais de ao mantemento das zonas verdes, afectará á recollida do lixo no paseo de Samil, e incluso ao funcionamento das piscinas municipais (xa que os socorristas pertencen tamén á concesionaria).

Entre as principais deficiencias atopadas coa chegada da nova empresa -algunhas delas aínda se manteñen a día de hoxe- Fernández salientou a ausencia dunha nave e de vestiarios, falta de roupa (incluíndo traxes de auga) e de botas e furgonetas sen reixas interiores, o que constitúe un perigo para os operarios/as durante o transporte das ferramentas. “De feito, o primeiro día saíron a traballar ás 12.00 horas porque se atoparon con que non había practicamente nada”.

Con todo, o persoal amósase disposto a desconvocar a folga se a empresa accede a aplicarlle o convenio propio a todos/as traballadores/as e a fixar un calendario con prazos específicos para subsanar as deficiencias.

RELACIONADAS