As gandeiras esixen un futuro para o sector lácteo

Un cento de produtoras marcharon pola muralla lucense ao se cumprir unha semana de mobilizacións. Continúan os bloqueos á distribución en varias vilas galegas. Gandeiras polas ruas de Lugo...

Un cento de produtoras marcharon pola muralla lucense ao se cumprir unha semana de mobilizacións. Continúan os bloqueos á distribución en varias vilas galegas.

Gandeiras polas ruas de Lugo

Esta quinta feira cúmprese unha semana das novas mobilzacións do sector lácteo galego para exixir uns prezos xustos. En Lugo, máis dun cento de mulleres marcharon pola muralla detrás da faixa ‘Gandeiras… por pouco tempo’ para reivindicar perante a Delegación da Xunta un futuro digno para o sector. O acto estaba convocado por ‘Agromuralla’, a organización que mantén a tractorada en torno á muralla desde o pasado día 10.

Mentres, seguen os bloqueos a diferentes centros de distribución en varias localidades galegas, protestos convocados pola Plataforma en defensa do sector lácteo galego.  Son xa cinco áreas comerciais bloqueadas polos tractores dos gandeiros na comarca da Coruña, como lembra Campo Galego: o Alcampo de Palavea, o Carrefour de Alfonso Molina, o Lidl do polígono da Agrela e o DIA e o Lidl de Culleredo. “Nas protestas participan uns 150 tractores e preto de 200 gandeiros de toda a provincia da Coruña, principalmente das comarcas de Ferrolterra, Arzúa, Ordes e do concello de Aranga”. A isto hai que engadir os bloqueos en Lalín, Sarria ou Vilalba, entre outras localidades.

Os gandeiros lembran que, agás Mercadona, o resto de superficies non repercutiron nos produtores o aumento de prezo do leite que fixeron nos ‘liñais’. O que denuncian con estas mobilizacións que teñen carácter indefinido.


Por outra parte, esta cuarta feira aprobouse na Inlac (interprofesional láctea) o contrato homologado de compra venda de leite, coa oposición de varias organizacións, como o SLG.

Fonte: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/economia/gandeiras-reivindican-futuro-sector-lacteo/20151217172053043396.html

RELACIONADAS