A conciliación familiar motiva a maior folga do metal en Alemaña en 30 anos

Loitan polo dereito a traballar 28 horas semanais durante un período de tempo de dous anos. Esta mobilización é parte dunha campaña do sindicato metalúrxico por mellorar a conciliación da vida laboral e familiar.
Imaxe: IG Metal

Traballadores alemáns declararon unha folga en máis de 80 empresas de todo o país. Esta acción forma parte da campaña do maior sindicato alemán que loita por conseguir as 28 horas semanais de traballo para mellorar a conciliación da vida laboral e familiar.

Perfílase como o maior conflito industrial do sector metalúrxico no últimos trinta anos: máis de 15.000 empregados participaron en folgas de aviso nas fábricas, entre as que figuraba as do fabricante de coches Porsche.

Cuns 3,9 millóns de traballadores afiliados, o sindicato IG Metall quere que todos os empregados do sector metalúrxico e eléctrico teñan a opción de reducir as súas horas de traballo durante un período de dous anos, co dereito de volver á súa xornada de tempo completo cando termine ese prazo.

A política familiar alemá deu un cambio en 2007 cando se substituíu a prestación “educativa” destinada principalmente ás nais por unha “prestación parental” que podía repartirse entre a nai e o pai.

Na proposta sindical, os traballadores que opten por unha semana de 28 horas para coidar aos seus fillos pequenos ou aos seus pais anciáns recibirán unha asignación adicional de 200 euros ao mes. A compensación que se pide para os que queiran tomar un descanso en traballos por quendas con alto risco para a saúde é de 750 euros ao ano.

Coa economía alemá en plena forma e o desemprego en mínimos históricos, IG Metall tamén pide un aumento salarial do 6% para todo o sector.

“Os roles de familia están a cambiar”

“Queremos que os empregadores recoñezan que os roles tradicionais de xénero nas familias modernas están a cambiar, e queremos que os traballadores teñan a oportunidade de facer un traballo importante para a sociedade”, explica un portavoz sindical. “No pasado, as demandas de maior flexibilidade foron á conta dos traballadores; buscamos un cambio para que o traballo flexible tamén beneficie aos traballadores”.

As patronais rexeitaron as propostas do sindicato. Din que resultaría demasiado custoso se se cumpre o previsto e unha cuarta parte do persoal das empresas opta polas 28 horas.

“Non podemos satisfacer as demandas de aumentos salariais compensatorios”, dixo Oliver Zander, director de Gesamtmetall, durante unha entrevista co xornal alemán Die Welt. “Nun momento no que escasea o persoal cualificado, sería unha tolemia incentivar que se reduza un volume de traballo urxentemente necesario”.

Alemaña ten aproximadamente 1,1 millóns de postos de traballo sen ocupar. Segundo unha recente enquisa da Cámara de Comercio e Industria Alemá, máis da metade das empresas citan a escaseza de traballadores cualificados como o maior risco que enfrontan.

Segundo un informe legal publicado polos empresarios, as propostas de IG Metall son ilegais porque discriminan aos traballadores que xa elixiron traballar menos horas de forma permanente. Tamén din que só permitirán a redución da xornada laboral para algúns se o sindicato aproba á súa vez que outros traballadores asinen contratos por semanas de 40 horas laborais.

En Alemaña, as grandes empresas están obrigadas por lei a ter representantes dos traballadores nos seus consellos de administración e as relacións laborais estiveron tradicionalmente máis baseadas no consenso que en Gran Bretaña ou en Francia.

A última gran disputa no sector metalúrxico alemán produciuse na década dos 80, cando a reivindicación sindical pola semana laboral de 35 horas deu lugar a meses de paros nas fábricas de todo o país.

IG Metall lanzou en 2003 unha campaña de folgas que non tivo éxito para introducir a semana laboral de 35 horas nos estados da antiga Alemaña Oriental. Quince anos despois, moitos traballadores do metal na antiga RDA seguen traballando 37 horas por semana.

En Gran Bretaña, onde ao longo dos anos a negociación colectiva terminouse descentralizando drasticamente, as semanas laborais de 37 horas seguen sendo a norma no sector metalúrxico, a pesar dos esforzos da Confederación de Sindicatos Estaleiros e de Enxeñaría.

Está previsto que o 11 de xaneiro comece en Alemaña a terceira rolda de negociación colectiva. Se nesas conversas non se chega a un acordo, IG Metall podería pasar das folgas de aviso a centrarse en fábricas concretas con paros de todo un día.

 

eldiario.es

RELACIONADAS