A CIG acusa ao PP de baleirar o Fondo de Reserva da Seguridade Social a mantenta

Considera que o fai conscientemente para forzar que as traballadoras e traballadores que teñan capacidade recorran aos fondos privados Manifestación en Compostela O Ministerio de Emprego vén de anunciar...

Considera que o fai conscientemente para forzar que as traballadoras e traballadores que teñan capacidade recorran aos fondos privados


Manifestación en Compostela

O Ministerio de Emprego vén de anunciar que sacará do Fondo de Reserva da Seguridade Social un total de 7.750 millóns de euros para pagar as pensións de decembro. Deste xeito, o goberno sobrepasa con moito as previsións recollidas nos orzamentos para 2015 e supera os 45.000 millóns de euros detraídos nesta lexislatura. Diante disto, a CIG acusa ao PP de baleirar o Fondo da Seguridade Social para provocar incertidume nas traballadoras e traballadores e forzalos así a recorrer a fondos privados de pensións.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo responsabiliza ao PP de pór en perigo o Fondo de Reserva pola vía de “meterlle directamente a man”, máis tamén con todas as políticas que puxo en marcha ao longo desta lexislatura. Neste sentido denuncia as súas políticas laborais -que provocaron a precarización dos contratos de traballo, favoreceron a substitución de contratos a tempo completo por contratos a tempo parcial e fomentaron a caída dos salarios-; as bonificacións á contratación, unha vía pola que se contribuíu a trasladar recursos da Seguridade Social ás propias empresas e a redución das cotizacións á Seguridade Social, que é outra vía de xerarlles beneficios.

Afirma que así “se reduciron as cotizacións á Seguridade Social e hai menos ingresos para o Fodo de Reserva”, unha situación que entende que non preocupa ao Partido Popular porque “favorece a creación dun clima de incertidume entre os traballadores e traballadoras sobre o seu futuro e as súas pensións forzando a aqueles que teñan capacidade para facelo a recorrer aos fondos privados para ter, chegado o momento, unha pensión complementaria”.

Máis recortes

Seixo alerta de que se isto segue por esta vía o goberno porá enriba da mesa máis dificultades no acceso ás pensións públicas. Entende ademais que non é casual. “Obedece a unha política perfectamente orquestrada polo PP e á súa concepción neoliberal do sistema”, afirma e engade que “ten como obxectivo baleirar o fondo para xustificar así unha caída das pensións tanto pola vía de reducir a súa contía como pola de dificultar o acceso ás mesmas”.

O secretario xeral da CIG chama ademais a atención sobre o feito de que “este ano vai ser no que máis recursos saque o goberno do Fondo de Reserva, xusto cando din que se está recuperando a economía e o emprego. Se agora é así que non farían se a situación empeorara?”, pregúntase.

Fronte estas políticas defende a necesidade de “pular pola creación de emprego e que este sexa emprego de calidade; acabar con esta política de redución de salarios e de fomento do emprego a tempo parcial e rematar coas bonificacións á contratación”.