A chinesa Daxiong despide a todos os seus operarios de As Pontes

Os afectados sosteñen que se trata dunha represalia. «Dixéronnos que esta decisión se tomou tras ter feito un parón para protestar polos continuos atrasos nos cobros. O ano pasado...

Os afectados sosteñen que se trata dunha represalia. «Dixéronnos que esta decisión se tomou tras ter feito un parón para protestar polos continuos atrasos nos cobros. O ano pasado chegaron a ser catro nóminas».

Xusto tres meses despois de inaugurar as súas instalacións coa presenza do director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, a dirección da fábrica de Daxiong Spain no polígono pontés de Penapurreira decidiu despedir 17 traballadores, a totalidade dos operarios (sen contar o persoal de oficinas e administración) que iniciaran uns días antes as protestas polos impagos da compañía, que se dedica á fabricación de arame e cordón de aceiro para estruturas de formigón pretensado.

Naquela visita, que fora anunciada a bombo e platillo, o director do Igape, Javier Aguilera, loubara as “posibilidades” que ofrecía a empresa de capital chinés á industrialización da comarca de Ferrolterra como polo de atracción doutros investimentos estranxeiros. Tan claro o vía que no seu discurso destacou que malia que a empresa contaba naquela altura con perto de 40 traballadores, a intención da firma era ampliar esa cifra até o centenar nun breve periodo de tempo. A realidade é que, apenas unhas semanas despois, Daxiong ten a metade dese plantel e os operarios despedidos, que mañá teñen previsto reunirse no local da Confederación Intersindical Galega das Pontes, temen que non as súas non sexan as últimas rescisións de contrato, que cualifican de disciplinarias. 
Daxiong Spain foi unha das últimas empresas beneficiadas polo programa de financiamento do Plan Ferrol e das axudas económicas directas, que suman varios centos de miles de euros. Na posta en funcionamento da empresa investíronse perto de 20 millóns.

Non é este o único conflito que viviu a compañía, que exporta fundamentalmente a África e América, desde a súa implantación no polígono industrial de Penapurreira. Así, hai que lembrar que o verán de 2014 os operarios fixeron folga durante máis dun mes ao adebedarlles a empresa até catro nóminas. Non hai que esquecer que as empresas que se benefician das axudas de reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal adquiren uns compromisos de mantemento do emprego, que nesta altura, após os últimos despedimentos, non está a cumprir a compañía chinesa.


fonte : http://www.sermosgaliza.gal/articulo/traballo/fabrica-chinesa-daxiong-no-concello-pontes-despide-todos-seus-operarios/20150920162119040868.html

RELACIONADAS